A Paixón de María Soliña

Titulo Original: 
A Paixón de María Soliña

'A paixón de María Soliña' é unha longametraxe de corte histórico que describe o nacemento, a estrutura organizativa e a función do tribunal da Inquisición Española a través do proceso contra María Soliña en Galicia a principios do século XVII. Contase a crónica dos feitos facendo fincapé nas motivacións históricas e sociais que houbo detrás das acusacións de bruxería de aqueles tempos.
María Soliña é unha das personaxes lehendarias da cultura galega que mellor define a loita contra a adversidade e a represión do poder. A súa historia resume á perfección a persecución á que se viron sometidas moitas mulleres, non so en Galicia senón tamén en toda Europa, acusadas de bruxería e xulgadas polo Tribunal da Inquisición. María Soliña converteuse nunha icona da cultura galega, a súa historia foi transmitida de xeito oral para ser tratada ó longo de todos estes anos por numerosos artistas e historiadores ata convertela nunha nova Juana de Arco.
O tribunal da Inquisición Española nace da man dos Reyes Católicos no século XV. A súa implantación progresiva polos distintos reinos da península responderá a variadas razóns de estratexia político-relixiosa, pero fundamentalmente coa intención de eliminar as ideas e crenzas que non pertenceran ó dogma católico, como o xudaísmo, o protestantismo e as prácticas pagáns (moi difundidas no norte peninsular).
Os xuízos por bruxería foron moi habituais ata ben avanzado o século XVII. Poucos anos antes do xuízo contra María Soliña, os acontecementos derivados do proceso de Logroño contra a secta de bruxos de Zugarramurdi, no pirineo navarro, cambiarán totalmente a lexislación inquisitorial. O xuíz inquisidor Alonso de Salazar y Frías, realiza un extenso traballo baseado no estudio e a recolla de probas, para logo escribir varios memoriais para demostrar que o esoterismo e a superstición estaban moi presentes nas sentencias por bruxería e na mentalidade de moitos inquisidores, clérigos e xuíces. A partir do seu traballo, considerado hoxe en día como todo un referente humanístico, practicamente desaparecen as condenas á fogueira nos tribunais inquisitoriais.
A longametraxe afonda mediante ficcións de época en todos estes feitos, desde a historia de María Soliña ata a instauración do Tribunal de Santiago de Compostela, a historia da Inquisición Española desde a súa fundación, o proceso de Logroño e a investigación do inquisidor Alonso de Salazar y Frías ou ‘o avogado das meigas'.
Máis información e trailer oficial: María Soliña
María Soliña en  Facebook, e en Twitter